A Xunta inicia na Boa Vila o programa ‘Lideramos’ para impulsar o talento feminino

Dec 28, 2023

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Pablo Fernández, participou no arranque das sesións na Casa das Campás

  • A actividade incluirá obradoiros e clases maxistrais, así como sesións de networking ou titorizacións individualizadas

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou xunto coa secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, no acto co que bota a andar o programa formativo Lideramos, dirixido a impulsar o talento e liderado feminino e a formación específica en xestión de equipos. Alí, puxo de relevo que máis dun cento de mulleres participarán nas distintas actividades que organizará a Xunta de Galicia deica o vindeiro 11 de abril.

Trátase dun proxecto encamiñado á redución da fenda de xénero nos postos directivos das empresas, tendo en conta que Galicia xa se sitúa como unha das tres primeiras comunidades de España onde as mulleres ocupan máis estes postos.

Na súa intervención, o secretario xeral destacou que a formación que este xoves comeza estará composta por obradoiros e clases maxistrais en liña para os distintos equipos de traballo e sesións de networking e formación presencial nas catro provincias, co fin de abordar diferentes temáticas e obxectivos de modo transversal. O programa Lideramos céntrase así no fortalecemento de novos perfís profesionais, no desenvolvemento do talento e na formación en competencias brandas -especialmente na área de xestión de equipos-, reforzando o compromiso da Xunta coa igualdade de xénero.

Fonte: Diario de Pontevedra